Hoxe inauguramos os Encontros literarios "Á luz da candea" coa presencia do escritor galego Xabier Quiroga co que puidemos intercambiar diversas opinións, preguntas, dúbidas e curiosidades sobre as súas obras "Era por setembro" e "Izan o da saca" e todo isto dentro dun ambiente marcado pola cercanía e a sensibilidade.
Xabier Quiroga é profesor de Lingua e literatura galega e deuse a coñecer no terreo literario coa súa obra “Atuado na braña” (2002) coa que conseguiu varios premios como o Losada Diéguez no 2002. Reaparece coa súa espléndida obra e ben coñecida por vós “Era por setembro” , unha novela de aprendizaxe dunha adolescente de 13 anos que quere saber a verdade do seu pasado e do seu presente pero tamén unha novela de mulleres xa que as dúas protagonistas, Aldara a a súa nai, son mulleres que se enfrontan ó seu pasado, a nai cun amor fracasado que reaparece despois de 13 anos e a filla cunha dúbida existencial e emocional por saber quen é o seu pai. Por riba de todo, destacamos a sensibilidade coa que o autor toca temas conflictivos como as relacións familiares.
No 2014 consegue o Premio da Crítica con “Zapatillas rotas” e no 2015 sae á luz a súa última novela “Izan o da saca” (Premio San Clemente), obra trepidante na que se investiga sobre a “Ruta das Ratas”, tamén chamada “Ruta dos Mosteiros” en Galicia que era o itinerario de fuxida dos nazis cara a América do sur na época da posguerra. Ambientada na Ribeira Sacra, percorre escenarios magníficamente descritos como Monforte, Pantón, o Saviñao, o Mosteiro de Samos, ou o pazo de Arxeriz, nos que o Reiniña irá descubrindo un segredo que afecta a un alto membro da política do país. Xabier fai uso dunha gran capacidade literaria e achéganos a un insólito final que todos compartimos coa súa lectura.
Foi un pracer telo con nós e poder coñecer de primeira man o proceso de creación das súas obras.
Desde aquí, o meu agradecemento a Jesús A. pola súa axuda inestimable para que este soño se fixera realidade e, como non, a Xabier Quiroga, por aceptar vir ó IES Carlos Casares de Viana e compartir con nós parte do seu tempo de lecer.
Unha aperta!
Grazas a todos os compañeiros que axudaron na organización deste encontro literario e ós alumnos de 3ºESO, 4ºESO e 1º BACH polo seu interese e boa disposición á hora de preparar todo o necesario para que isto fora posible.
No hay comentarios:
Publicar un comentario